Lugo, 26 de abril de 2008
(extraído de salesianoslugo.es)
De quen é a auga que utilizas? COMPARTE.
Baixo este slogan tivo lugar o pasado 26 de abril de 2008 a Xuntanza Autonómica dos Grupos ADS (preadolescentes de 12-14 anos) de Galicia. Nesta edición, reuníronse máis de 100 rapaces/zas cos seus respectivos animadores xuvenís de grupos de Ourense (Amencer), de Vigo (Abertal), de A Coruña (Abeiro) e de Lugo (Ateibo) que este ano lle tocaba facer de centro anfitrión e acolledor.
Aproveitando o atractivo turístico da LUCUS AUGUSTI, o día estivo centrado pola mañá nun percorrido lúdico polo contorno da muralla romana, a cultura romana como unha das civilización máis relevantes da nosa historia e facendo referencia á relación desta civilización co aproveitamento da auga como fonte de enerxía, punto de encontro e de comunicación, elemento básico para o desenvolvemento humano en tódalas épocas e lugares.
Pola tarde, puidemos disfrutar dun marabilloso e caloroso día desta primavera lucense con altas temperaturas, mitigadas pola proximidade e frescura do río Miño facendo un Gran Xogo- Xincana que levaba por título “Roma, Lugo e a auga: alianza de civilizacións” e que consistía na realización de diferentes probas por grupos sobre a utilización da auga na nosa sociedade e a sensibilización e compromiso polo aproveitamento deste recurso limitado, básico para a vida humana, fonte de unión ou de conflito entre os pobos.
Para rematar cada un dos grupos de orixe (Ourense, Vigo, A Coruña e Lugo) xuntáronse nun momento chamado Tempo de Paz, Moviola ou A Pegada para concretar o compromiso nas súas respectivas cidades, barios, centros educativos, etc.
Esperamos que fora unha xuntanza válida para fomentar o encontro e a convivencia entre os rapaces/zas e grupos dos diferentes lugares de orixe, así como para recordar a figura do noso patrón Domingo Savio e, sobre todo, para valorar a auga como un ben (un valor) escaso e a compartir e comprometernos no coidado da Terra e o medio ambiente.